16 de marzo de 2020

Coronavirus

Bo día!
Iniciamos este período un tanto anormal, pero necesario para frear a pandemia. Como é algo de obrigado cumprimento, podemos utilizalo en positivo e demostrarnos a nós mesmos que somos unha sociedade de verdade. Temos unha oportunidade única para situarnos no mundo e comprobar que, traballando xuntos, obtemos mellores resultados.
No deporte en xeral está demostrado con datos e resultados que, traballando en equipo, como conxunto, e deixando de lado as individualidades, chéganse a acadar as mellores prestacións. Isto ocorre nos deportes de equipo pero tamén nos individuais, onde hai detrás un equipo de traballo.
É o momento de trasladar todo isto á vida en xeral, porque todos nos necesitamos e ninguén é máis importante que o veciño.
Para empezar, podedes ir vendo as entradas anteriores deste blog, que recoñezo foi deseñado para demostrarme a min mesmo de que non serviría para nada entre o alumnado e as súas familias. Non me equivoquei pero nunca pensei que o retomaría como ferramenta ante unha ocasión tan singular.
Trátase de aspectos teóricos da actividade física, da alimentación e da saúde en xeral, que poderemos levar a cabo en canto voltemos á normalidade.
Tamén daremos algunhas pautas para estar activos desde o noso fogar, onde pasaremos unha relativamente longa e inusual tempada.
Gustaríame que utilicemos este medio para axudarnos entre todos, interactuando. Así, todos aqueles que teñades algunha proposta de actividade física que poidamos facer desde a casa, para estar activos, facédema chegar a través do email (mitomateimedio@gmail.com). Irei publicando por este medio os exercicios físicos propostos por vós a través de explicacións, debuxos, vídeos, enlaces, etc. Todos nos aproveitaremos e aprenderemos, saíndo beneficiados como un gran equipo.

Ánimo e bo humor!

A primeira proposta que eu fago é para os que vivan nunha casa con terreo exterior, con patio, con escaleiras ou simplemente coa posibilidade de camiñar. Podemos seguir co programa EU PASO, que desenvolvemos durante os meses de xaneiro e febreiro. Poño unha folla de rexistro actualizada, para que apuntedes o progreso. Non esquezades a movilidade articular para iniciar o quecemento e os estiramentos ao rematar.




2 comentarios:

  1. Hola soy Greta, una idea para hacer ejercicio en casa para quien tenga escaleras es hacer step. En mi casa tenemos dos escalones y mi madre lo hace jajaja

    ResponderEliminar
  2. Pues si sois capaces con dos escalones, no hay excusa para los demás. Muy bien, Greta and mother

    ResponderEliminar